05/03/10

A lingua non sexista:::



A lingua non é sexista, pero si o é o uso que dela facemos. A linguaxe é o medio a través do cal nos comunicamos, polo tanto reflite o pensamento colectivo, e con el estamos a transmitir unha gran parte da forma de pensar, sentir e actuar de cada sociedade.

A través da linguaxe estamos asumindo papeis de xeito consciente e inconsciente, conformando estereotipos sexistas. O uso sexista e androcéntrico da lingua é o reflexo dunha cultura sexista e androcéntrica na que se valoran as capacidades e funcións atribuídas aos homes, pero non se recoñece o valor social das capacidades e funcións que se atribúen ás mulleres. Hai unha especie de resistencia lingüística a recoñecer o gran número de actividades desenvolvidas polas mulleres, e segue a presentarse -a través dun uso lingüístico máis que consolidado- unha imaxe desvalorizada e subordinada das mulleres con respecto aos homes.

A miúdo, incorremos en sexismo lingüístico a través do uso de formas incorrectas da linguaxe, na escolla de palabras ou estruturas discriminatorias. A linguaxe sexista exclúe as mulleres, dificulta a súa identificación ou asóciaas a valoracións negativas.

O seu uso é discriminatorio e parcial, e impón barreiras arbitrarias e inxustas ao desenvolvemento persoal e colectivo.

Algúns consellos serían os seguintes:
-Usar os xenéricos: o profesorado no canto de os profesores ou o alumnado evitando os alumnos.
-Non usar o tratamento señora-señorita Cando viches señor-señorito?
-Usar barras (desaconséllanse as "arroba" por ser letra grega usada nos ámbitos matemático e informático con outros valores.
-Indicar os cargos e profesións co xénero oportuno: A miña médica receitoume paracetamol.
-Evitar conceptos sexistas: véxanse os insultos ou as expresións vulgares: caralludo-conachada, fulano-fulana...

ACTIVIDADE: le o texto e analiza o sexismo da linguaxe.

Sem comentários:

Enviar um comentário