10/03/10

O Desván de los Monjes:::

Carta ao director publicada por LA VOZ DE GALICIA
Autora: Iolanda Teijeiro Rey Localidade: Ferrrol. Data de publicacion: Martes 09 de marzo de 2010.

Despois da nova da visita do Papa, o conselleiro de Cultura anda alporizando á curia falando de monxes que sobran ou que seica están no desván. Xa o cantaba Víctor Manuel, Cuando nadie nos vea sube al desván.

Disque por mor dun descoido informático e duns colaboradores que empregan un traductor automático de Internet e non se decatan de que Touro e Sobrado dos Monxes son topónimos. Isto só pasa nun país trilingüe, claro, onde os persoeiros da cultura fachendean de ignorala deturpándoa.

Sr. Conselleiro, se nun acto institucional calquera de nós le Desván de los Monjes coma poboación galega, dános que escamar!Ao igual que se alguén lle di a vostede Varita no canto de Varela, ou o confunde coa tarabela do muíño ou co burro onde penduramos o pote na lareira.

Dende logo, hai que ir ben sobrado para podelo superar!Nin Rosa Díez luce tanto maxín.

Recoméndolle, se non ten a honradeza de dimitir, que, no seu longo tempo de vagar, viaxe un pouquichiño pola Terra. Visite Touro, en vez de se preocupar tanto polas corridas, que para iso xa están as vacas. Visite Sobrado e lea, no silenzo do mosteiro medieval: Toponimia de Galicia, de Fernando Cabeza, onde ten a orixe deste topónimo. Sobrado, do antigo Superato que significa altura, que está sobre ou enriba. E isto xa no século X.Evoluindo a Superato, Superado e Sobrado. Disque vén de outeiro ou pequena elevación, por aquelo de que os monxes gostaban de albiscar quen tusía xa de lonxe. Mais tamén poidera vir de sobreira, árbore, ao igual ca faia, da que se facían moitos faiados. E ninguén di Faiado dos Monxes, nonsi? E se teima por trastallar o nome dígalle Outeiro, Cotarelo, Beán, Bicaño, Galaio, Altorelo, Montela, Cuíña... nomes ben máis acaídos para o caso.

Sem comentários:

Enviar um comentário